Esixencia máxima en Boiro para un Pontevedra que quere pechar a súa presenza no play-off de ascenso
Por Diego Espiño
Non chega no seu mellor momento o Pontevedra, pero os granates queren recuperar sensacións para pechar, ou polo menos achegarse, á clasificación matemática para o play-off de ascenso.
Os de Luisito visitan un campo complicado, o Municipal de Barraña (domingo, 18:00 horas), para xogar ante un Boiro que está inmerso na pelexa por non perder a categoría e que vén de vencer en Barreiro ante o Celta B.
O Pontevedra pola súa banda, que acumula catro xornadas sen gañar, necesita un triunfo para achegarse ao seu obxectivo, que deixarían asegurado esta xornada se ademais Ponferradina e Valladolid B empatan no encontro que lles enfronta.
Con Mario Barco fóra de combate por lesión e con Álex González sancionado, Luisito deberá variar o seu once titular e buscar variables na parcela ofensiva. Con esas dúas ausencias e Portela aínda moi xusto para reaparecer tras a súa lesión de menisco, 18 son os futbolistas dispoñibles cos que conta o técnico, e todos eles entrarán na convocatoria do partido.
A importancia que o adestrador de Teo dálle ao choque demóstrase en que unha semana máis decidiu traballar dous días a porta pechada no Estadio Municipal de Pasarón, o xoves e este mesmo sábado para ultimar os últimos detalles tácticos e estratéxicos do equipo.
Tamén estará presente en Barraña a afección granate, que se desprazará en autocar e en coches particulares para tentar achegar un extra de motivación aos seus xogadores. Para eles a entrada ao estadio terá un custo de 15 euros, de 10 para os menores entre 16 e 18 anos e será de balde para os menores de 16 anos.
O colexiado do encontro será o madrileño Jerónimo Montes García-Navas, que esta campaña xa arbitrou nunha ocasión ao Pontevedra, ante o Burgos en Pasarón (2-1).
Relacionadas:
-
Perdoa o Boiro e o Pontevedra arrinca un punto de ouro (1-1) que lle achega ao obxectivo
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Mario Barco, baixa confirmada ata final de liga
Por Diego Espiño |
-
Pesimismo ante a nova lesión de Mario Barco
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Non aproveita o Pontevedra o tropezo dos seus rivais ao empatar co Coruxo (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |