Mario Barco, baixa confirmada ata final de liga
Por Diego Espiño
Os peores presaxios cumpríronse e Mario Barco non volverá xogar co Pontevedra no que queda de liga.
O dianteiro granate coñeceu este xoves os resultados das probas médicas que se lle realizaron a última hora do mércores para coñecer o alcance exacto da lesión que se produciu enlos últimos minutos do partido ante o Coruxo. Estas probas confirmas que sofre unha rotura muscular de grao II no bíceps femoral da súa perna esquerda.
"Llevaba tres semanas con molestias en esa zona y forcé de más. Yo ya lo avisé", recoñeceu afectado o ariete rioxano.
O período de recuperación desta lesión é de "unhas 4-6 semanas", segundo establece no seu informe o doutor Barragáns, polo que con total seguridade perderá os tres partidos que restan para concluír a liga regular e converteríase en seria dúbida para os primeiros encontros dun posible play-off de ascenso.
Con estes prazos, ademais da lóxica adaptación ao ritmo de competición unha vez se recupere, é probable que Barco non volva vestir a camiseta do Pontevedra, tendo en conta que ao tratarse dun futbolista cedido cando conclúa a tempada debe volver ao club que posúe os seus dereitos federativos, o Club Deportivo Lugo.
ANTE A ARANDINA, EN SÁBADO SALVO UNIFICACIÓN DE HORARIO
Por outra banda o Pontevedra Club de Fútbol, que continúa preparando o seu duelo do domingo en Boiro, confirmou o horario do que será o último partido da tempada regular en Pasarón ante a Arandina, que se xogará inicialmente o sábado 6 de maio ás 20:00 horas.
Este horario podería sufrir modificacións no caso de que a Federación decida unificar finalmente a xornada na Segunda B, a condición de que tanto Pontevedra como Arandina aínda teñan algo que dicir nos seus respectivos obxectivos, selar a clasificación para o play-off para os granates e eludir o descenso no caso dos visitantes.
FALECE O EX-PORTEIRO GRANATE CAMUEL
Xogou unha sóla tempada no Pontevedra, pero deixou pegada polo seu carisma, Ángel Manuel Álvarez Pérez, coñecido como Camuel, faleceu a última hora deste mércores na súa casa de Trasona aos 60 anos de idade, vítima dun cancro de colon que arrastraba desde facía tempo.
Moi apreciado no vestiario por todos os que foron os seus compañeiros, que lle dedicaron o apelativo cariñoso de "La Burra" pola súa enorme capacidade física, Camuel chegou ao Pontevedra despois de xogar no Real Oviedo (6 tempadas), en Segunda División e Segunda B, e CD Tenerife (3 tempadas) desde o que pasou ao club granate, para marcharse logo ao Langreo.
Tras a súa retirada, abriu un establecemento de hostalería en Trasona, preto de Avilés, onde, a pesar da súa curta estancia en Pontevedra, cando pola súa casa pasaba algunha persoa dicindo que era da capital do Lérez, inmediatamente envorcábase en atencións.
Segundo informa o xornal La Nueva España, o pasado 19 de decembro, no descanso do partido entre o Real Oviedo e o Córdoba celebrado no Carlos Tartiere, o club azul rendeulle unha homenaxe no que recibiu no palco unha foto súa da súa época de futbolista no Tartiere.
Relacionadas:
-
Iker Alegre apúntase á fase decisiva da liga
Por Diego Espiño |
-
Pasarón tamén xoga ante a Arandina
Por Redacción |
-
Perdoa o Boiro e o Pontevedra arrinca un punto de ouro (1-1) que lle achega ao obxectivo
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Esixencia máxima en Boiro para un Pontevedra que quere pechar a súa presenza no play-off de ascenso
Por Diego Espiño |
-
Pesimismo ante a nova lesión de Mario Barco
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Non aproveita o Pontevedra o tropezo dos seus rivais ao empatar co Coruxo (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |