Catro equipos para unha praza de play-off na Liga Feminina 2
Por Redacción
A falta de sete xornadas para a conclusión da tempada regular na Liga Feminina 2 de baloncesto, a loita por conseguir entrar no play-off de ascenso está a lume vivo.
Co Aros León xa clasificado e Sant Adriá e Cortegada lixeiramente descatados sobre os seus perseguidores, ata catro equipos pelexan pola última praza en xogo para a fase de ascenso, entre eles o Club Baloncesto Arxil.
A derrota do pasado sábado en Vigo fixo caer ás pontevedresas á sétima posición, a só un triunfo de Joventut Les Corts e Lima Horta Barcelona, cuarto e quinto, e empatado con Ibaizabal, sexto.
Por ese motivo, e para non desengancharse da loita, o Arxil trata a visita do Cortegada (sábado 19:30 horas no CGTD) como unha auténtica final, no que supoñerá o último derbi da liga regular.
A directiva verde espera un grande ambiente no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, con presenza de afeccionados visitantes, coincidindo coa celebración do entroido.