Todo preparado para o Festival de San Patricio do Mareantes Rugby Club
Por Diego Espiño
O Mareantes Rugby Club prepárase para unha intensa semana de actividades no seu 25 aniversario, un programa protagonizado polos actos deportivos e tamén polo Festival Galaico Irlandés de San Patricio, na súa terceira edición.
Dende o mércores 13, data fundacional da entidade, e ata o domingo 17, instalarase unha carpa na Praza de España na que se espera despachar máis de 5.000 litros de cervexa e 3.500 porcións de comida. Todo, para colaborar co financiamento da base do club, segundo asegura o presidente do Mareantes Eloy Díaz, "todo esto está dirigido a que las categorías inferiores reciban una ayuda económica. Aquí se involucran padres, amigos y aficionados".
Esta edición incluirá ademais unha rebaixa de 50 céntimos no prezo da cervexa, que será de 3,50 euros para a negra e vermella e 3 euros para a loura.
Dentro do festival realizaranse proxeccións de cine temático irlandés, venderanse produtos da marca Canterbury ou sortearase unha viaxe a Irlanda, entre outras actividades, aínda que os actos se completarán coa axenda deportiva que inclúe dous partidos dos equipos sub-17 e de veteranos do club e o prato forte, un encontro o día 17 entre a Selección Galega absoluta e a Selección Española sub-19 no campo de Príncipe Felipe a partir das 12:00 horas.