Un triplo de Minata Keita na prórroga permite ao Arxil superar a Joventut Les Corts (66-64)
Por Redacción
Vitoria traballada, sufrida e de moito mérito a do Arxil sobre Joventut Les Corts. O equipo catalán chegaba a Pontevedra tras caer unicamente ante o líder nos seus sete últimos partidos, pero cedeu na prórroga nun partido marcado polo escaso acerto de ambos os equipos no lanzamento a canastra. As de Mayte Méndez comezaron mal, pero remontaron no terceiro cuarto e suxeitaron mellor os nervios no tempo suplementario.
A gran actuación de Minata Keita (21 puntos, 18 rebotes e 22 de valoración) foi clave para o desenlace do partido, especialmente ao transformar un intento triplo sobre a bucina, tan ao límite que mesmo obrigou aos árbitros a consultas antes de dar por válida a canastra que significaba o triunfo do equipo verde.
O partido foi complicado, marcado pola dureza e intensidade coa que se empregaron as catalás en tarefas defensivas, facendo gala do seu habitual xogo aberto que levaba a un gran número de lanzamentos exteriores, nos que afortunadamente non estiveron acertadas, asinando un pésimo 4 de 32 nos intentos de tres (12%).
Non estivo mellor o Arxil nesa faceta, anotando unicamente 2 de 9 (22%), ambos por medio de Minata Keita, un deles o da vitoria.
A igualdade nas estatísticas foi absoluta, sen un dominador claro baixo os taboleiros e un Juventut que comezou mellor, anotándose os dous primeiros parciais (7-13 e 15-18) para irse ao descanso nove arriba (22-31).
Reaccionou o Arxil tras o descanso, conseguindo case neutralizar a desvantaxe no terceiro cuarto (18-10), para entrar no últimos dez minutos un punto por baixo. As catalás mandaban pero Ana Martín, desde a liña de persoal, levaba o partido á prórroga (53-53).
De novo as visitantes puxéronse por diante, cun 63-64 que poñía as cousas moi difíciles. Arxil recuperou o balón en banda a falta de tres segundos. Ana Martín recibiu e abriu o pase para Minata Keita, quen coa bucina soando metía o balón no aro visitante, conseguindo os tres puntos da vitoria (66-64).
Relacionadas:
-
O Arxil supera o pechacancelas Ponce Valladolid (62-58) para situarse en zona de play-off
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Arantxa Mallou, un talismán para o Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil engánchase á pelexa polo play-off tras vencer en Barcelona (60-65)
Por Redacción |
-
O "equipo revelación" da liga examina a melloría e as aspiracións do Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil recupera as boas sensacións para superar con claridade ao ADBA Avilés (80-58)
Por Redacción |
-
A escolta compostelá Arantxa Mallou incorpórase ao Arxil
Por Redacción |
-
Derrota en Lugo dun Arxil que paga o seu mal inicio de partido fronte a Ensino (68-57)
Por Redacción |