Empates para Cidade de Pontevedra e Leis Feminino e derrota do equipo masculino
Por Redacción
Mereceu mellor sorte o Leis-Marcón feminino no seu compromiso ligueiro ante o ADAE Simancas (3-3) no Pavillón Municipal dos Deportes.
Ao equipo adestrado por Raúl Jiménez escapóuselle a que fose a súa primeira vitoria da tempada na Segunda División, despois dunha primeira parte de dominio local pero escaso premio para as pontevedresas, que enviaron tres tiros aos paus e viron como o Simancas igualaba o gol inicial de Lucía para o Leis.
Aínda que o descanso non sentou demasiado ben ás locais, volveron adiantarse grazas a un tanto en propia meta e por terceira vez, tras outro empate visitante, co gol de Sara a menos de 4 minutos.
Saíu o Simancas con xogo de cinco e conseguiu o 3-3, pero o Leis tivo a opción de levar o triunfo cun penalti a falta de 38 segundos que detivo a porteira rival.
O empate deixa ao Leis Marcón na penúltima posición con dous puntos despois de seis xornadas.
O castigo foi máis duro aínda para o equipo masculino de Segunda División B, que cedeu en casa ante o Universidad de Valladolid (3-6).
O bloque valisoletano castigou os minutos de falta de concentración local para levar un partido que empezou con vantaxe local pero que pronto, aos seis minutos, deu a volta co 1-3 para os visitantes.
Repúxose o Leis para lograr o empate antes do descanso, con goles de Dani e Gus. A tónica de dominio pontevedrés mantívose no inicio do segundo período, pero os de Manu Cossío non creaban excesivo perigo ata que o Valladolid golpeaba co 3-4. A partir de aí chegaban as opcións locais, pero non as aproveitaron e os visitantes acabaron sentenciando.
A derrota deixa ao Leis na novena praza con 5 puntos.
EMPATE DO CIDADE DE PONTEVEDRA
O outro equipo pontevedrés da Segunda División Feminina, no seu caso no Grupo I, o Cidade de Pontevedra, logrou sumar un punto na visita do Flaviobriga (5-5).
Os goles de Sandra, Carmen, Otero e Gema (II) valéronlle ao Cidade para rescatar polo menos un punto e situarse na sétima praza do seu grupo con 6 puntos.