Nova tempada para a familia do Waterpolo Pontevedra
Por Redacción
O Teatro Principal foi escenario o pasado sábado do acto de inicio de tempada do Club Waterpolo Pontevedra.
A entidade mantén a súa estrutura, con equipos en todas as categorías, nun curso no que cumpre 18 anos e afronta coa ilusión de seguir asentándose entre a ampla oferta deportiva da cidade.
En total o Waterpolo Pontevedra conta con case un cento de xogadores federados.
Un a un, desde os benxamíns aos absolutos, foron desfilando polo escenario do teatro, xunto aos seus adestradores, nun acto que estivo conducido por Carlos Tomico e que serviu tamén para presentar en sociedade ao novo presidente do club, Óscar Ferreira.
Na gala de presentación visualizouse ademais o novo videoclip do grupo pontevedrés Furious Monkey House, de título 'Run', onde participa unha das xogadoras infantís do club e no que se tenta concienciar sobre a problemática do acoso escolar, o sexting e os malos tratos infantís.
A fin de semana pechouse ademais para o Waterpolo Pontevedra cun pleno de vitorias para os seus equipos no triplo enfrontamento co RCN Vigo, en categoría absoluta de 2ª División, na infantil e na alevín.