As DEPOrte Escolas póñense en marcha
Por Redacción
A deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, e o deputado de cooperación municipal, David Regades, mantiveron este martes unha reunión coas diferentes federacións deportivas involucradas no proxecto DEPOrte Escolas.
Con este encontro de coordinación dá comezo o curso nas escolas deportivas provinciais, reformuladas para non competir coa oferta das escolas municipais de cada localidade.
Deporte Escolas ofrece aos nenos e nenas e 5 a 15 anos da provincia a posibilidade de escoller entre as modalidades deportivas de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha atlética, piragüismo e baloncesto.
O programa terá continuidade ata o 31 de maio, cun investimento da Deputación de 345.000 euros nos convenios coas federacións e entidades deportivas que poñen en funcionamento estas escolas.
O seu obxectivo pasa pola implantación igualitaria e equilibrada no territorio, a promoción do deporte base e un maior incremento da oferta de iniciación á práctica deportiva para que cheguen aos municipios da provincia disciplinas que ata o de agora non se podían ofertar.