A Deputación cambia a fórmula das Escolas Deportivas para fomentar a participación
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentaba este venres o cambio de modelo para as escolas deportivas provinciais que a partir de agora denominaranse DEPOrte Escolas.
A diferenza das anteriores, esta nova proposta impedirá que compitan con aquelas escolas deportivas que monten os propios concellos. As modalidades deportivas serán as de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha, natación, piragüismo e baloncesto.
Aínda que a presidenta provincial apuntou que están abertos a outras modalidades deportivas se existe demanda.
As condicións que se establecen para as entidades e os concellos é que existan espazos para a práctica dese deporte, atópense apuntados máis de 15 participantes e non estean federados.
Queren incrementar o número de escolares que participen nestas actividades. A partir do luns 5 de setembro ábrese o período de inscrición para estes deportes a través dun formulario. O programa terá continuidade desde o 3 de outubro ata o 31 de maio, coa intención de fomentar tanto a práctica deportiva como o compañeirismo entre os escolares.
Carmela Silva apuntou que algúns alcaldes descoñecían a existencia destas escolas no seu municipio, unha situación que tamén padecían os veciños.
A Deputación provincial investirá 345.000 euros nos convenios coas federacións e entidades deportivas que poñen en funcionamento estas escolas.