Okutu, campión de España de salto de lonxitude por cuarta vez antes de ir a Río
Por Redacción
O marinense Jean Marie Okutu volveu a demostrar que, actualmente, apenas ten rival na disciplina de salto de lonxitude. O atleta do FC Barcelona proclamouse este domingo, por cuarta vez, campión de España ao aire libre. Fíxoo durante o campionato nacional que se disputou no complexo deportivo das Mestas (Xixón).
Okutu colgou a medalla de ouro grazas a un salto de 7,65 metros. Aínda que quedou lonxe do rexistro que lle abriu as portas aos Xogos Olímpicos de Río 2016, foi suficiente para impoñerse aos seus rivais. A marca que lle valeu o triunfo logrouna xa no seu segundo salto. O que máis preto estivo del foi Daniel Solís, que alcanzou os 7,48 metros e fíxose coa prata.
Pola súa banda, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra pechou a súa participación nestes campionatos con dous novos postos de finalistas, para un total de cinco en toda a fin de semana.
Mala sorte tivo Ignacio Sarmiento nos 400 metros valas. Ocupaba unha das primeiras prazas da carreira cando tivo que retirarse por culpa dunhas molestias físicas.
Ignacio Sánchez Camacho tampouco puido repetir o seu gran papel do sábado nos 100 metros e na súa participación nos 200 metros non se clasificou para a final, ao quedar cuarto na súa semifinal cun tempo de 21.73 segundos. Quedou a tan só seis centésimas da final.
Pola súa banda, aínda que estivo lonxe da súa marca persoal, Álex Flórez finalizou nunha meritoria oitava posición na proba dos dez quilómetros marcha, ao concluír cun tempo de 43:39.59; mentres que a venezolana Joselyn Brea, que non optaba a medalla por non ter a nacionalidade española, foi cuarta nos 5.000 metros, con 16:13.80, a súa mellor marca persoal.
Ademais, o relevo 4x400 formado por Eduardo Gallardo, Roberto Tello, Alberto Guerrero e Gonzalo Sánchez Camacho, foi sétimo na final cun tempo de 3:14.63.
Con estes resultados, sumados aos do sábado, a Ximnástica concluíu estes campionatos na posición número 22 dos 69 clubs participantes.