Tres finalistas, balance da Gimnástica na primeira xornada do Campionato de España
Por Redacción
Non lograron colgarse ningunha medalla, pero a Sociedad Gimnástica de Pontevedra fai un bo balance da primeira xornada do Campionato de España de atletismo que se está celebrando esta fin de semana no complexo deportivo das Mestas (Xixón).
Ata tres atletas do conxunto pontevedrés acabaron en postos de finalista, é dicir entre os oito primeiros
Unha das posibles opcións de medalla será a de Nacho Sarmiento, que logrou clasificarse para a final dos 400 metros valas cun tempo de 52.03 na semifinal, o sexto mellor de todos os participantes na carreira previa.
A gran sorpresa da Gimnástica foi Manuel Castellanos. O atleta de 20 anos participaba no seu primeiro campionato de España absoluto e non o fixo nada mal. Superou a súa marca persoal na xavelina cun lanzamento de 64,90 metros que lle deu unha magnífica sexta posición.
Tamén asinou unha gran actuación Gonzalo Sánchez-Camacho nos 100 metros. O atleta de 22 anos foi superando paulatinamente as diferentes eliminatorias ata chegar á final onde logrou unha magnífica quinta posición ao parar o seu crono en 10.65.
Víctor Gallego non estivo ao nivel que demostrou noutros campionatos de España, aínda así gran resultado ao coarse o oitavo na final de lanzamento de disco con 52,07 metros. O título de campión de España nesta proba foi para o atleta de orixe cubana Frank Casañas, afincado en Pontevedra, que se impuxo cun lanzamento de 61,25 metros.
Iván Blanco nos 800 metros, Darío Costas nos 100 metros, Eduardo Gallardo nos 400 metros e David Martínez nos 1.500 metros, pola súa banda, non lograron clasificarse para as finais das súas respectivas carreiras, pero pelexárono ata o final.
Lysvanys Pérez levaba arrastrando unha lesión que lle impediu brillar durante estes meses como o facía no inverno no salto de altura e tampouco callou unha gran actuación. Tivo que conformarse con exceder o listón colocado sobre 2,00 metros, o que lle deu a undécima posición da clasificación.