Todo a punto para a terceira edición da carreira popular +8K San Xoan de Poio
Por Alejandro Espiño
Uns 300 corredores espera reunir a organización da carreira +8 San Xoan de Poio, que este ano chega á súa terceira edición. A proba celebrarase este sábado 11 de xuño, a partir das oito e media da tarde. Servirá ademais como punto de inicio para as Festas de San Xoan.
No aspecto deportivo e técnico, a carreira non ten grandes novidades. A saída volverá ser no Parque da Memoria da Seca, con chegada ao Centro Comercial A Barca tras un percorrido de oito quilómetros.
Tras pasar polo interior da fábrica de Conservas Pescamar ao comezo da carreira, os participantes dirixiranse en dirección a San Xoán e Campelo, onde descenderán ata o seu porto. Despois dunha volta ao peirao, o pelotón tomará dirección Lourido, deixando á marxe dereita a illa de Tambo e a ría, para afrontar a terceira ascensión da noite e chegar a Portosanto -pasando por diante do Museo Colón- e A Barca pola estrada PO-308.
As grandes novidades da presente edición son as actividades paralelas que xorden ao redor da carreira.
Así, organizarase unha andaina polo mesmo percorrido da proba. Segundo a concelleira de Deportes, Marga Caldas, trátase de fomentar unha actividade saudable para todos aqueles que non opten por correr a proba. Os participantes irán acompañados de tres monitores e a saída está prevista para as oito da tarde.
Unha hora antes, ás sete, celebraranse as carreiras infantís desde a categoría de biberóns ata a infantil, nas inmediacións da Ponte da Barca. Iso obrigará a que o tráfico se corte nel entre as sete e as nove e cuarto, establecéndose itinerarios alternativos para os condutores durante todo ese período de tempo.
Ademais, desde as 11 da mañá haberá servizo de gardería, inchables, casetas promocionais e clases de ximnasia de mantemento no centro comercial e unha clase de zumba, ás 18,30 horas.
A inscrición para participar na carreira segue aberta ata o 9 de xuño en www.cronotec.es a prezo de 5 euros, salvo para as de categorías inferiores que será gratuíta.