Antonio Serrat e Marga Villaverde, gañadores da terceira +8K nocturna de Poio
Uns 200 corredores participaron este sábado na terceira edición da carreira popular +8K San Xoán de Poio, coñecida popularmente como a Nocturna de Poio, unha proba que concluíu coas contundentes vitorias de Antonio Serrat na categoría masculina e de Marga Villaverde na feminina.
Antonio Serrat completou os oito quilómetros de percorrido nun tempo de 27 minutos e 42 segundos. Foi 47 segundos máis rápido que o segundo clasificado, Amadeo Abal (Club de Atletismo Cambados). O podio completouno o veterano Elías Domínguez, que parou o crono en 28 minutos e 47 segundos.
Pola súa banda, Marga Villaverde cruzou a liña de meta, situada nas inmediacións do Centro Comercial da Barca, tras 38 minutos de carreira. Segunda foi Fátima Quintana (CD Pinarium), que acabou a 36 segundos de gañadora; mentres que a terceira praza foi para Laura Trabazo (San Miguel), que quedou a un minuto xusto do triunfo.
A saída da proba deuse ás oito e media da tarde no Parque da Memoria da Seca.
Os participantes, tras pasar polo interior da fábrica de Conservas Pescamar, dirixíronse a San Xoán e Campelo, onde descenderon ata o seu porto e chegaron ata Lourido. A partir de alí, xa na recta final da carreira, chegaron a Portosanto e posteriormente á Barca pola estrada PO-308.
Ademais da carreira absoluta, un centenar de deportistas participaron nas probas de categoría infantil, que se disputaron nas proximidades da ponte da Barca.
Consulta aquí os resultados completos da +8K San Xoán de Poio.