Último partido na casa para un Poio Pescamar que busca o seu record de puntos en Primeira
Por Redacción
Coa permanencia asegurada desde hai varias xornadas, o Poio Pescamar afronta un último reto antes de que termine a liga, conseguir superar a súa mellor puntuación na Primeira División Feminina, os 37 puntos da 13/14, cando Marcio adestraba ao equipo.
As vermellas, que actualmente suman 33 puntos, deben para iso gañar os dous partidos que restan, o primeiro deles este sábado (18:30 horas) no pavillón da Seca na que será a despedida do equipo ante a súa fiel afección.
As de Jorge Basanta reciben ao pechacancelas, o FSF Elche, equipo xa descendido e que só gañou un partido de liga en toda a tempada.
Tras este partido, no que o adestrador vermello poderá dispoñer de toda a súa artillería, o Poio Pescamar pechará a tempada a domicilio na cancha do Rubí, sexto clasificado.