A Gimnástica centra a súa atención nos nacionais cadete e de lanzamentos longos
Por Redacción
Catro atletas da Sociedad Gimnástica defenderán as cores do club pontevedrés esta fin de semana en senllos campionatos de España.
No Nacional Cadete en Pista Cuberta que se disputa en Oviedo estarán Marco Martínez e Pablo Torjal. O primeiro deles aspira a medalla na proba de altura e a estar entre os mellores en lonxitude, a teor das marcas conseguidas a pasada semana no Campionato de Galicia, con 1,80 metros en altura e 6,12 metros en salto de lonxitude.
Pola súa banda Pablo Torjal participará no salto con pértega, onde os 3,45 metros que acredita este ano colócanlo na metade do ránking entre os participantes.
A outra cita para a Gimnástica será o Campionato de España de Lanzamentos Longos, en Castellón. Alí estarán Iria Filgueira e Claudia Puig, despois de que a Federación Española acreditase que se atopan entre as oito mellores da súa categoría.
Iria competirá no lanzamento de martelo en idade cadete, mentres Claudia farao na xavelina xuvenil. Ambas chegan á cita nun bo momento de forma aínda que chegar aos postos de medalla será complicado.