Marín reforza a súa aposta pola ximnasia
Por Redacción
Durante as dúas próximas fins de semana Marín será o epicentro da ximnasia galega coa disputa de tres campionatos diferentes, que reforzan a aposta municipal por este deporte.
Baixo a organización do Club In Mare, o pavillón da Raña será o escenario de todos eles, empezando o domingo 13 de marzo co Campionato Galego Base Individual de Ximnasia Rítmica, que contará coa participación de 76 deportistas.
Unha semana máis tarde a cita será dobre, coa Copa Galicia Base de Ximnasia Acrobática, o domingo 19, e a IX Copa Galicia Internacional tamén de ximnasia acrobática, 19 e 20 de marzo, que o pasado ano tivo categoría de Copa de España.
Nesta ocasión "no es Copa España porque se celebra cada dos años", sinalou o concelleiro de Deportes Antonio Traba, convencido de poder volver acoller no futuro esta competición.
Na base participarán 50 deportistas de categoría alevín e infantil e na Copa Internacional serán máis dos 100 ximnastas inscritos na categoría senior.