Támara Echegoyen estrea en Baleares a súa condición de campioa mundial
Por Redacción
Case un mes despois de conseguir en Florida o título mundial na clase 49er FX, Támara Echegoyen e a súa compañeira Berta Betanzos volven á competición cun único obxectivo en mente, afinar a súa preparación para os Xogos Olímpicos.
Farano no Arenal Training Camps, en Palma de Mallorca, que se disputa desde este venres 11 de marzo ata o domingo 13 con tres xornadas de competición nas que está previsto completar nove mangas.
A cita supón "unha boa oportunidade para seguir traballando os puntos débiles que localizamos durante estes meses", recoñece a regatista pontevedresa, que verá as caras con algunhas das mellores tripulacións do ránking, como a das brasileiras Martine Grael e Kahena Kunze ou a das holandesas Anneniek Bekkering e Annette Duetz.
Tras o Arenal Training Camps, Támara Echegoyen e Berta Betanzos teñen previsto participar no Trofeo Princesa Sofía, tamén en Palma de Mallorca, e no Campionato de Europa de 49er que se celebrará en apenas un mes en augas de Barcelona.