Medina destácase como o líder do Froiz tras a Aiztondo Klasikoa
Por Redacción
Choiva e frío foron os protagonistas da importante cita que o equipo ciclista Grupo Deportivo Supermercados Froiz disputou durante a fin de semana coa participación na Copa de España e que deixou boas sensacións para o conxunto galego dirixido por Evaristo Portela.
Francisco Medina foi a figura máis forte do GD Super Froiz na terceira proba pertencente á Copa de España, a XIII Aiztondo Klasikoa-Memorial Patxi Alkorta, disputada entre as localidades de Zizurkil e Asteasu cun total de 138,6 kms. O corredor do equipo galego conseguiu entrar en décimo terceira posición a tan só 18 segundos do gañador da carreira, o sub 23 Jaume Sureda (Seguros Bilbao) que se colocou no máis alto do pódium por diante de Dani Sánchez (Bicicletas Rodríguez-Estremadura) e de Fernando Barceló (RH+/Polartec).
Deste xeito, Medina consolídase como o corredor con maiores opcións do Froiz na Copa de España, obtendo un resultado que lle permite mellorar na clasificación xeral ata alcanzar a décimo quinta posición con 155 puntos, na cal lidera Óscar Hernández (GSport-Valencia) con 251 puntos.
A carreira definiuse polos constantes intentos por parte de todos os ciclistas ata o km. 27, onde Roberto Mediero (Super Froiz) formaba parte do grupo de 15 ciclistas que obtiveron unha certa vantaxe, reducida polo pelotón no km.75. A partir de aí foron constantes os cambios, destacando o grupo formado por Mikel Elorza (AMPO), Antonio Portela (Caixa Rural-Seguros RGA) e Óscar Linares (Gomur-Liebana 2017) que conseguiu abrir unha pequena brecha co grupo, aos que se uniron máis tarde Pablo Alonso (Caixa Rural-Seguros RGA) e Sergio Samitier (Lizarte) que logrou coroar no km. 99.
Samitier era alcanzado no km. 115 por Linares e ao que se sumaron Josu Zabala (Caixa Rural-Seguros RGA), Héctor Carretero (Lizarte), Gonzalo Serrano (EC Cartucho-Magro) e Fernando Barceló (RH+/Polartec), formando así un quinteto que avanzaría en solitario ata o km. 126 onde foron alcanzados polo pelotón.
BO PAPEL NO TROFEO OLÍAS DEL REY
A segunda cita do GD Supermercados Froiz foi a disputa do Trofeo Olías del Rey, en Toledo. Nesta carreira o corredor con mellores opcións do Froiz foi Pedro Merino, formando parte do grupo escapado nos primeiros quilómetros das catro voltas que se debían dar ao circuíto. Deste xeito, Merino conseguiu manterse nesa escapada ata os últimos 3 kms, onde foi alcanzado polo pelotón, conseguindo a sexta posición.
Relacionadas:
-
Medina pérdese o Memorial Valenciaga e complica as opcións do Froiz na Copa España
Por Redacción |
-
José Luis Mariño dálle ao Froiz o seu primeiro triunfo da tempada
Por Redacción |
-
Ao Froiz resísteselle o triunfo
Por Redacción |
-
Segundo asalto para o Froiz na Copa de España
Por Redacción |
-
O Froiz no debut da Copa de España Elite e Sub-23 cun noveno posto de Araújo
Por Redacción |