Segundo asalto para o Froiz na Copa de España
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Tras un positivo inicio en Don Benito, con noveno posto de Joao Araújo, e sen apenas descanso, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz afronta este domingo 28 de febreiro a segunda cita da Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo en ruta, un dos principais obxectivos da tempada.
Farao no Trofeo Guerrita en Alcantarilla (Murcia) coa intención de loitar de novo polos postos de cabeza nunha carreira con maior carga de montaña e que se adapta mellor ás características do equipo pontevedrés, aínda que a última subida da xornada, o Alto de Gebas, está situada a 39 quilómetros de meta.
Para a cita o equipo ciclista dirixido por Evaristo Portela introduce un cambio na súa formación, o de Rodrigo Antonio Enríquez por Diego Somoza, e mantén ao resto de corredores que participaron no Circuíto do Guadiana: Alejandro Regueiro, Francisco Medina, David González, Roberto Mediero, Joao Araujo e Renato Macedo.
O Froiz competirá en Murcia con outros 27 equipos nunha proba que conta con 148 quilómetros de percorrido e tres ascensións puntuables, dúas de terceira e unha de primeira categoría.