O Club Voleibol Pontevedra accede á segunda fase polo título desde a segunda posición
Por Redacción
O Club Voleibol Pontevedra prepárase xa para debutar na segunda fase de competición na Primeira División Galega Feminina, tras a conclusión da liga regular.
As pontevedresas acceden á segunda fase desde a segunda posición da táboa, a pesar de perder no seu último partido de liga ante o Xiria no set de desempate.
O cadro visitante levou as dúas primeiras mangas (21-25 e 20-25), pero o CVP reaccionou para igualar (25-16 e 25-20) antes de ceder no tie break (12-15).
Con 38 puntos na liga regular, o CVP enfrontarase agora nunha liguiña a tres a CV Bruxas, terceiro da liga regular, e Calasancias Coruña, quinto, dentro do Grupo B. O Grupo A estará composto polo campión da primeira fase, VoleyOurense, xunto a Zalaeta (cuarto) e Xiria (sexto).
O equipo pontevedrés descansará na primeira xornada da segunda fase e non debutará na mesma ata o 5 de marzo en casa ante o Bruxas. O obxectivo, quedar entre os dous primeiros postos para acceder ao play-off final polo título autonómico.