Xornada de mínimas e mellores marcas persoais no CGTD co Torneo de Lanzamentos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acolleu unha interesante xornada de deportiva co VII Torneo de Lanzamentos organizado polo Club Atletismo Poio.
No CGTD reuníronse os mellores especialistas autonómicos de lanzamento de martelo, disco e xavelina na busca de afinar a súa posta a punto para as grandes competicións da tempada.
Entre os presentes destacou a actuación de Frank Casañas (Playas de Castellón) en disco, aínda que non conseguiu a mínima olímpica que persegue.
Na mesma disciplina Nicolás García, atleta cadete do San Narciso de Marín, conseguiu unha marca de 54,04 metros que lle coloca no segundo posto do ránking nacional da categoría e a un metro do record galego, mentres Laura Meira (Vila de Cangas) conseguiu unha marca de 45,38 metros que a sitúa primeira do ránking nacional junior.
Tamén na xavelina, pero de 700 gramos, o xuvenil Jaime Arias, con 45,96 metros, confirmouse como o mellor galego e con posibilidades de estar no Nacional.
Pola súa banda Michael Ansah fíxose coas probas de disco e martelo na categoría xuvenil, conseguindo na última 53,85 metros que lle posibilitan estar no Campionato de España de Lanzamentos Longos.
Completaron o palmarés do torneo a portuguesa Daniela Paço en martelo feminino, Mahfoud Kmich en xavelina masculina, Jonatas Pereira en xavelina cadete e Joao Venade en martelo, por diante do pontevedrés Sergio Paredes.
CAMPIONATO GALEGO DE LANZAMENTOS LONGOS
A xornada serviu tamén para disputar o Campionato Galego de Lanzamentos Longos, no que a Sociedad Gimnástica de Pontevedra sumou un total de cinco medallas (un ouro, dúas pratas e dous bronces).
Loreto Brea venceu na proba de lanzamento de martelo, Ángeles Filgueira levou a prata no lanzamento de xavelina, Víctor Gallego foi segundo no disco, acompañándoo no podio Javier Guzmán coa medalla de bronce e o quinto metal foi para Sergio Paredes cun bronce no lanzamento de martelo masculino.