Nin contra o pechacancelas Ribadeo pode un Arosa ineficaz ante a portería (1-1)
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As Pontes, Boiro, Bouzas e agora Ribadeo. Un só gol en catro partidos e en todos eles un verdadeiro rosario de oportunidades desperdiciadas. Unha falta de puntería alarmante que de novo apartou ao Arosa da vitoria, nesta ocasión fronte ao pechacancelas da categoría, o Ribadeo, que leva un punto da Lomba co que abandona o último lugar da táboa.
Un punto dos últimos doce posibles. Escaso botín se se ten en conta que, a pouco que os dianteiros arlequinados houbesen estado minimamente acertados ante a porta contraria, poderiamos falar de polo menos nove puntos que levasen aos arosistas aos postos de play-off dos que agora mesmo afástanse ata en sete puntos.
Os de Ribadeo adiantáronse pronto no marcador, aos 10 minutos, cun gol de Rafa Casanova e Sylla empatou tras o descanso (minuto 52), cun disparo coa esquerda desde fóra da área.
Aproveitouse o equipo lucense de varios erros defensivos para poñerse por diante. Daquela o Arosa encadeou ocasións de gol desaproveitadas para neutralizar a vantaxe visitante antes do descanso. A máis clara foi para Sylla, ao rematar na área pequena un gran centro de Alex Freire desde a esquerda, pero o balón saíu fóra por moi pouco. Marcos cun disparo ao exterior da rede, Aitor Díaz, con dous remates de cabeza, e Hugo Soto, cunha vaselina tamén o tentaron sen éxito.
Ao regreso de vestiarios o Arosa saíu envorcado en busca do empate. Atopouno rápido cun gran gol de Sylla. Logo viría todo un rosario de ocasións perdidas, ben por falta de puntería ou polo acerto do meta visitante. Fran Fandiño puido marcar por dúas veces, ata que a falta de 15 minutos para o final chegaría a máis clara cando Sylla recibe un balón ao oco de Camiño, regatea ao porteiro, pero o seu remate estrélase contra a madeira.
Consulta aquí a acta do partido.
Relacionadas:
-
Empate insuficiente para Alondras e Arosa (0-0)
Por Redacción |
-
Pacheco, Cardeñosa e Adrián Camiño, coa Selección Galega na Copa de Rexións UEFA
Por Redacción |
-
A falta de puntería na primeira metade condena ao Arosa en Bouzas (2-0)
Por Redacción |
-
O Arosa dá a baixa a Javi Sánchez tras a súa negativa para viaxar a Boiro
Por Redacción |