O Mareantes supera a un dos aspirantes ao título para lograr o seu primeiro triunfo da tempada
Por Redacción
Importante triunfo para o Mareantes Rugby, primeiro da tempada, ante un dos aspirantes ao título da Primeira Galega, o CR Ferrol.
Os pontevedreses impuxéronse por un axustado 23-22 nun vibrante partido, disputado no campo municipal de Monte Porreiro.
O Mareantes, que chegaba á cita con dúas derrotas consecutivas nas primeiras xornadas ligueiras, comezou o choque nervioso e pronto se viu dous ensaios por baixo no marcador. Con todo os locais repuxéronse e con tres ensaios deron a volta ao partido antes do descanso (15-14).
Na segunda metade o partido baixou de intensidade pero non de emoción, cos dous equipos gozando de oportunidades para levar o triunfo. Así o Ferrol púxose por diante a falta de poucos minutos, pero o Mareantes non perdeu os nervios e volveu anotar para colocar o 23-22 final.
A vitoria permite aos pontevedreses abandonar a última posición da táboa. Son agora sextos con seis puntos.
O rugby galego descansa esta semana para retomar a competición o día 12 de decembro con encontros entre Lalín e Mareantes e entre Pontevedra Rugby Club e o líder, Campus Ourense, este último en Monte Porreiro.