O Voleibol Pontevedra mantense preto do líder na Primeira División Feminina
Por Redacción
O equipo senior feminino do Club Voleibol Pontevedra está a protagonizar un notable inicio de tempada na Primeira División Feminina.
As pontevedresas, despois de sete xornadas, son segundas na clasificación con 18 puntos, a só dous do líder VoleyOurense grazas aos seus seis triunfos.
A última destas vitorias chegou a pasada fin de semana no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante o Xuvenil Teis.
O CVP impúxose por tres sets a un con certa comodidade ao poder impoñer o seu xogo desde o inicio. Froito dese dominio levou os dous primeiros parciais por 25-16 e 25-11.
No terceiro set baixaron o nivel, o que permitiu ás viguesas meterse de novo no partido (24-26), pero o Voleibol Pontevedra repúxose no cuarto parcial para pechar o partido cun 25-18.
A próxima xornada o CVP visitará a cancha do Boiro Voleibol.