Chega a Gladiator Race: a Illa das Esculturas, territorio só apto para aventureiros extremos
Por Alejandro Espiño
Sen dor, non hai recompensa. É o suxestivo slogan da Gladiator Race, unha proba a medio camiño entre o deporte, a aventura, a diversión e o afán de superación que converterá este sábado 24 de outubro a Illa das Esculturas nun ámbito só apto para gladiadores. Será o escenario principal deste desafío no que os participantes terán que percorrer oito quilómetros e superar unha trintena de obstáculos.
Máis de 2.000 aventureiros apuntáronse á Gladiator Race de Pontevedra, superando o número de inscritos que houbo o pasado mes de xuño no Monte do Gozo de Santiago de Compostela. Todos eles poñerán a proba os seus límites nun evento baseado nos tradicionais adestramentos militares e que está aberto a todo tipo de público.
Sairán a partir das doce da mañá, en grupos de 180 deportistas cada vinte minutos, desde a avenida de Buenos Aires e tras pasar polos antigos terreos de Tafisa, onde estarán gran parte das probas, cruzarán o río ata a Illa das Esculturas.
Os seus organizadores aseguran que, parte do reto desta proba, é afrontar a competición sen coñecer demasiados detalles. Por elo, salvo os puntos de inicio e final, pouco se sabe do que se van a atopar os participantes ao longo do percorrido.
Aínda así, Serafín Martínez -exciclista profesional e director técnico desta Gladiator Race- avanzou que, entre outros desafíos, nesta carreira "extrema" haberá obstáculos de habilidade, equilibrio e sufrimento, pero sobre todo probas para que estes gladiadores anónimos "disfruten da experiencia e o pasen ben".
Así, haberá varias pirámides, paredes verticais, tobogáns, "zamburguesas" que cruzarán o río ou unha espectacular estrutura á que chaman Mont Blanc que os participantes deberán atravesar reptando a seis metros de altura. Ademais, diferentes actores infiltraranse na carreira para sorprender aos corredores cando menos o esperen.
A Gladiator Race que, segundo a concelleira de Deportes Anxos Riveiro, manterase anualmente no calendario deportivo da cidade "se así estiman os seus organizadores", concluirá cunha festa que se celebrará a partir das seis da tarde no Recinto Feiral. Haberá música coa banda Terapia de grupo e DJ Charliee e nela entréganse os premios aos tres mellores equipos e aos mellores gladiadores individuais.
Relacionadas:
-
A Gladiator Race anuncia unha segunda edición en Pontevedra para o próximo 4 de xuño
Por Redacción |
-
Nunca me rendo!!!
Por Redacción |
-
Castor Salgado e Andrea Montero, os aventureiros máis rápidos da Gladiator Race de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Os obstáculos da Gladiator Race de Pontevedra convencen a 2.000 persoas
Por Redacción |
-
2.880 prazas para a Gladiator Race de Pontevedra
Por Redacción |
-
"O mellor día da túa vida... se sobrevives": A Gladiator Race elixe Pontevedra para a súa segunda edición
Por Diego Espiño |