Primeiros puntos da tempada para Pablo Moreno na Copa do Mundo de Sabre
Por Redacción
Bo debut de Pablo Moreno na Copa do Mundo de Sabre. O tirador da Escola Hungaresa de Pontevedra viaxou esta pasado fin de semana a Xeorxia para participar na primeira proba da tempada, puntuable para obter a clasificación para os Xogos Olímpicos de Río 2016, e onde participaban máis de 190 tiradores de todo o mundo.
Moreno logrou pasar a fase de grupos con tres vitorias e tres derrotas, clasificándose na posición 58 para o taboleiro preliminar de 128 tiradores, onde se enfrontou ao estadounidense Will Spear, ao que venceu por 15 tocados a 11. No cadro de 128 tiradores, Moreno logrou a vitoria fronte ao número 7, o coreano Jonghun Song, por 15 tocados a 13.
Esta vitoria clasificaba a Pablo Moreno como único tirador español para a segunda xornada de competición, o cadro de 64 tiradores, que se completaba cos 16 primeiros tiradores do ránking mundial, exentos das fases previas.
Pablo Moreno, clasificado na posición 60, enfrontouse ao estadounidense Daryl Homer, número 5 do ránking e actual subcampión do mundo. A eliminatoria concluíu con vitoria do estadounidense por 15 tocados a 5, finalizando a participación de Pablo Moreno na proba individual, tras conseguir uns valiosos puntos para o ránking FIE e extraer unhas sensacións moi positivas para afrontar a tempada de competicións internacionais.
Como membro do equipo nacional absoluto, Pablo Moreno participou ao día seguinte na proba por equipos, con 24 equipos nacionais en contenda, e onde o combinado español superou o taboleiro de 32 gañando a Polonia por un axustado 45-44, tras remontar de maneira espectacular un marcador adverso de 35 tocados a 22.
No taboleiro de 16 equipos, España enfrontouse a Alemaña, caendo por 45 tocados a 17. Na disputa polos postos 9 ao 16, España caeu fronte a Bielorrusia por 45 tocados a 34, venceu a Hong Kong por 45 tocados a 37 e tamén a Ucraína por 45 tocados a 40, finalizando no decimotercer posto.
TROFEO MAGOSTO
Ademais, a fin de semana celebrouse no polideportivo do Colexio SEK Atlántico de Pontevedra o Trofeo Magosto, primeira proba puntuable para o ránking galego de sabre da tempada. Nel, a Escola Hungaresa logrou 11 medallas dun total de 12, mantendo a súa hexemonía no sabre galego.
Na proba de sabre masculino cadete a Escola Hungaresa logrou pleno no podio. Luís Castro fíxose coa vitoria fronte ao seu irmán Paulo por 15 tocados a 12. As medallas de bronce foron para Jesús Rodríguez e Andrés Boullosa.
No sabre feminino absoluto a Escola Hungaresa repetiu pleno, con vitoria de Ángela De Faveri fronte á súa compañeira Ana Barros. Natalia Fernández e Michele Estévez compartiron o bronce. Paulo Castro venceu na proba de sabre masculino absoluto a Manuel Tudela. Alejandro Laso, da Escola Hungaresa, e Pepe Bermúdez, do Club de Esgrima Lugo lograron a medalla de bronce.
Relacionadas:
-
Pablo Moreno sobe postos no ránking mundial de sabre tras o seu bo papel no Grand Prix USA
Por Redacción |
-
Prometedora estrea de tempada para o equipo de sabre da Escola Hungaresa
Por Redacción |
-
A esgrima galega ponse a punto antes de iniciar unha importante tempada
Por Redacción |
-
Pablo Moreno suma puntos no ranking para Río tras un bo Mundial de esgrima
Por Redacción |