O ITF Junior de tenis, un torneo "para toda a cidade"
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
É só a súa cuarta edición, pero é "cada vez más importante, cada vez con un carácter más mundial y con tenistas de mayor calidad".
Así define Noli Álvarez, director do torneo, o Internacional Junior de Tenis de Pontevedra, catalogado como de Grado 3 pola Federación Internacional ITF.
"La calidad es comparable a cualquier torneo de Grado 1", defende Álvarez, convencido de que máis pronto que tarde conseguirán esa catalogación.
Asegúrao porque na presente edición, que se celebrará nas instalacións do Casino Mercantil do 13 ao 18 de outubro, inscribíronse 572 tenistas de 55 países.
Só uns poucos, os mellores do panorama internacional junior, accederán ao cadro final do torneo, previsto para 32 xogadores, ou a previa, na que participarán outros 32 tenistas desde o día 11, tanto en categoría masculina como feminina individual, mentres o cadro de dobres estará limitado a 16.
O Torneo ITF de Pontevedra quere ademais abrirse a toda a cidade, recordando que "non é un torneo só para socios do Mercantil, senón para toda a cidade", sinalou na presentación Roberto Vega, presidente da entidade.
A entrada será de balde para o público, que poderá observar as evolucións duns deportistas que "se están jugando los puntos para clasificarse para el Open de Autralia", explica Noli Álvarez para evidenciar o alto nivel que se espera.
Beneficia tamén que poucos días despois Sanxenxo acolla un ano máis o seu torneo ITF, no seu caso estreando catalogación de Grado 2.
A organización mantén ademais o seu compromiso de dar oportunidades aos xogadores locais, ofrecendo unha invitación aos actuais campións galegos en idade cadete.
Na presentación da competición procedeuse ademais á firma do convenio co Concello de Pontevedra, que aporta 15.000 euros para a súa organización.
Relacionadas:
-
O Mercantil acolle os primeiros partidos do cadro final no Internacional Junior de Tenis
Por Redacción |
-
Os Rafa Nadal e as Serena Williams do futuro exhíbense no paseo de Montero Ríos
Por Diego Torrado |
-
Ultiman os detalles para o cuarto Torneo Internacional Junior de Tenis de Pontevedra
Por Redacción |