Saleta Castro inicia en Lanzarote o seu camiño a Kona 2016
Por Diego Espiño
Intentouno en 2014 e quedou preto. Agora, con máis experiencia e adestramento, moito adestramento, vólveo a intentar.
Saleta Castro empeza esta fin de semana o camiño ao campionato do Mundo de triatlón de longa distancia, o Ironman de Kona, Hawaii, participando nunha das primeiras probas puntuables para 2016, o Ironman 70.3 de Lanzarote.
A triatleta pontevedresa poñerá a proba o seu estado de forma na parte fina da tempada, na que tamén ten previsto participar no Ironman de Malaysia o 14 de novembro para calibrar as súas opcións.
En Lanzarote, este sábado 19 de setembro desde as 8:00 horas, Saleta afrontará 1,9 quilómetros de natación, 90,1 de bicicleta e 21,1 de carreira a pé, con saída e chegada no Club La Santa, no municipio de Tinajo, que pasa ademais por ser o seu novo cuartel xeral de adestramento.
Parte entre as deportistas destacadas na categoría profesional, pero a gran favorita será a británica Jodie Swallow, número dous mundial, que preparará en Lanzarote o seu inminente participación en Kona.
Non será un camiño fácil chegar a Hawaii, posto que só as 30 mellores triatletas do ránking disputan cada ano a proba, pero gañas non lle faltan a Saleta Castro.