Ouro para o baloncesto feminino de Pontevedra no último día dos Xogos do Eixo Atlántico
Por Redacción
Pontevedra concluíu este venres a súa participación na undécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que se disputaron toda esta semana nas localidades portuguesas de Porto, Vila Nova de Gaia e Matosinhos. E fíxoo de forma excepcional, con varias medallas nos deportes de equipo. En concreto, un ouro, unha prata e un bronce que se suma ás catro medallas logradas en atletismo.
O máis sinalado foi o triunfo do baloncesto feminino, que se proclamaron campioas do torneo. Tras derrotar en semifinais a selección da cidade lusa de Gaia, as pontevedresas enfrontábanse a outro equipo portugués na final, o Porto. Pero o bo facer do equipo do Lérez permitiulles arrastrar o seu rival e colgarse a medalla de ouro tras vencelas por un claro resultado de 80-44.
Pola súa banda, o equipo masculino de balonmán tívose que conformar coa medalla de prata. Tras un magnífico campionato, tiveron un óso duro de roer na final onde o conxunto desprazado dende Maia logrou derrotalos por un resultado de 23-18. Para chegar a este último partido impuxéranse en semifinais á selección portuguesa de Braga, exhibindo o gran nivel mostrado en todo o torneo.
A terceira medalla para Pontevedra nesta última xornada colgárona os rapaces do fútbol 7. Tras repoñerse da dura derrota nos penaltis ante o Porto o día anterior, os pontevedreses demostraron por que eran un dos favoritos ao triunfo final e, na loita pola medalla de bronce, venceron aos tamén portugueses do Matosinhos.
Ademais, o equipo de voleibol feminino rematou xogando pola sétima praza. Ata aí chegaron nos últimos días tras caer ante as portuguesas de Famaliçao por 2-0 e disputar o seu último partido contra o Maia portugués.
E o de baloncesto masculino tras perder contra o Lugo por 43-31, loitaron este venres pola séptima praza ante o equipo portugués de Viana do Castelo.