Javi Gómez Noya, a polo seu cuarto Europeo de tríatlon acompañado por Pablo Dapena
Por Alejandro Espiño
O triatleta Javier Gómez Noya quere seguir facendo historia no seu deporte. Xa se encontra na localidade suíza de Xenebra onde este sábado disputará o Campionato de Europa de Triatlón, unha cita internacional que xa gañou tres veces -a última en 2012- e onde o deportista volve á competición tras o seu dobre triunfo no Nacional celebrado en Pontevedra o pasado mes de xuño.
Gómez Noya, gran referente do triatlón nacional e internacional, loitará polo seu cuarto título europeo a partir das doce da mañá, hora prevista para o inicio da proba elite masculina. Xunto a el tamén estarán como representantes españois Cesc Godoy e o pontevedrés Pablo Dapena, clasificado tras o seu bo resultado na proba da Copa de Europa en Madrid.
A proba consistirá en 1,5 quilómetros de natación polo lago Xenebra, un percorrido ciclista de seis voltas ata alcanzar os 40,8 quilómetros internándose pola zona do World Trade Organization, escalando por Chemin de l'Impératrice, un dos puntos máis icónicos da cidade e bordeando o lago.
Finalmente, restarán tres voltas de carreira que discorrerán por un segmento de 10 quilómetros maioritariamente plano que sucará o parque La Perle du Lac.
Gómez Noya parte como gran favorito, ademais, ante a ausencia nesta proba dos irmáns Brownlee. Aínda así, asegura que "o nivel en Europa é alto e ademais hai países que levan equipo con líder e gregarios. Por iso deberei estar moi atento a calquera movemento e procurarei estar sempre preto da cabeza".
Para o deportista afincado en Pontevedra o europeo "é unha das miñas competicións favoritas". Sinalou que pola súa planificación do calendario non o puido disputar en 2013 e 2014 e "para lograr un novo título adestreime a tope na casa".
Relacionadas:
-
A mala sorte cébase cun Javi Gómez Noya que abandona o Europeo de tríatlon xunto Pablo Dapena
Por Alejandro Espiño |
-
Gómez Noya gaña con autoridade o Grand Prix de Dunkerque
Por Redacción |
-
O Campionato de España de Acuatlón, tamén para un intratable Javier Gómez Noya
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Exhibición de Gómez Noya na casa para adxudicarse o Campionato de España Sprint
Por Redacción & Diego Torrado |