Cristina García consegue dúas medallas para o Salvamento Sanxenxo no Campionato de España
Por Redacción
A praia de La Mata, en Torrevieja, foi escenario do Campionato de España Absoluto de Salvamento, no que participou o club Salvamento Sanxenxo con catro deportistas, Cristina García, Carlos López, Anxo Martínez e Martín Paz, conseguindo a novena praza por clubs, sendo o mellor club galego.
Destacar a actuación de Cristina García Marín, que obtivo dúas medallas de bronce nas probas de Carreira con táboa de salvamento e no Oceanwoman, moi disputada ata o final, onde as deportistas tiveron que realizar un percorrido a nado, en táboa de salvamento e ski de salvamento e finalizando cunha carreira, a proba máis vistosa do salvamento deportivo.
Tras os malos resultados do primeiro día cando Cristina quedou oitava en nadar surf e tivo que abandonar en carreira de ski de salvamento por unha rotura do seu ski, o domingo puido resarcirse con estas dúas medallas. As condicións meteorolóxicas foron moi duras debido á ondada e ao vento que obrigaron a organización a suspender varias probas do sábado para o domingo, onde se retomou a competición dende as 7 da mañá para evitar outra vez o forte vento.
Estas medallas obtidas por "Crichi", xunto coas obtidas na tempada de inverno tanto no Open Internacional de Madrid, como no Campionato de España de Ourense, puxérona no punto de mira do seleccionador nacional como posible integrante do Equipo Nacional de Salvamento para disputar o Campionato da Europa de Salvamento por Nacións que se vai celebrar en Swansea/Aberavon (Gales) entre o 1 e 7 de agosto.
Por outro lado dos rapaces desprazados a Torrevieja, Anxo Martínez, tamén realizou unha actuación destacada, quedando en carreira con táboa en quinto lugar e en carreira con ski de salvamento na oitava posición.