Bueu estará a próxima tempada na Segunda B do fútbol sala nacional
Por Redacción
O Comité Nacional de Fútbol Sala oficializou o ascenso do ADFS Bueu á Segunda B, situándoo xunto ao Leis e ao Bembrive de Vigo como o máximo expoñente deste deporte na provincia. É a primeira vez que alcanza esta categoría tras trinta anos de historia e despois de disputar as últimas quince campañas en Terceira.
O club, que xa pechou a renovación do adestrador, o vigués Javi Santos, leva varias semanas traballando na confección do equipo e na captación dos recursos económicos necesarios para afrontar o salto de categoría con todas as garantías.
A participación do ADFS Bueu na categoría de bronce do fútbol salga nacional, que chega tras o convite a cubrir unha vacante ao quedar cuarto a pasada tempada, eleva a tres o número de equipos da provincia na Segunda B do fútbol sala nacional.
Francisco Campos, presidente do club, afirmou que "confirmase unha aspiración do clube dende hai moitos anos, nos que estivemos traballando para ter a estrutura de clube necesaria para afrontalo".
En canto aos obxectivos deportivos, a entidade ten o convencemento de que o equipo que vai confeccionar terá capacidade para non pasar apuros para manter a categoría. O presidente, Francisco Campos, e o adestrador, Javi Santos, iniciaron conversacións con todos os compoñentes do equipo que conseguiu a cuarta praza na pasada campaña co obxectivo de lograr renovar a maior parte deles.
Por outra parte, os responsables do club manexan un listado de futbolistas que poderían reforzar o equipo. Campos e Santos consideran que é preciso incorporar un mínimo de catro xogadores, e na súa axenda encóntranse polo menos tres nomes con experiencia na nova categoría.