Rafa Dasilva despedirase do balonmán en activo participando no Partido das Estrelas
Por Redacción
É un dos xogadores galegos máis representativos dos últimos anos e como tal despedirase das canchas de balonmán.
Rafa Dasilva, que chegou a ser o máximo goleador da Liga Asobal na tempotrada 2001-2002 cando xogaba no Teucro, participará no Partido das Estrelas 2015 no que será o seu último encontro, despois de ser clave esta tempada no ascenso do Cisne.
O lateral pontevedrés foi convocado polo equipo da Asociación de Xogadores de Balonmán (AJBM), que se enfrontará ao combinado nacional adestrado por Manolo Cadenas o próximo domingo 21 de xuño no Quijote Arena de Ciudad Real (13:30 horas).
O equipo da AJBM estará adestrado por César Montes e José Julio Espina cunha convocatoria que completan: Yeray Lamariano (Ademar de León), Álvaro de Hita (Ángel Ximénez), Emilio Esteban (Benidorm), Sergio Berrios (Puerto Sagunto), Víctor Alonso (CS Stiinta Bacau), David Jiménez (Benidorm), Iván Amarelle (Frigoríficos Morrazo Cangas), Juan Antonio Vázquez 'Chispi' (Ángel Ximénez), Juanjo Fernández (Usam Nimes), José María Bozalongo (Guadalajara), Octavio Magadán (Zamora), Daniel Tolmos (Ciudad Encantada), Víctor Frade (Ciudad Encantada) e Rubén Marchán (Ciudad Encantada).
Ao longo de máis de 20 anos de traxectoria Rafa Dasilva defendeu as cores de equipos como o Teucro, Cangas, Valladolid, Academia Octavio e Cisne.