O esixente calendario de final de liga, a mellor preparación para o play-off
Por Diego Espiño
A falta de seis xornadas para o final da liga regular, o Pontevedra está a só un punto de garantir de xeito matemático a súa presenza no play-off de ascenso.
Algo máis terá que esperar previsiblemente para asegurarse o primeiro posto de grupo, praza que ocupa con nove puntos de distancia sobre o Deportivo B.
En todo caso os granates empezan a mirar cara á fase de ascenso, no que non poderán cometer os erros de partidos como o do pasado domingo ante o Barbadás, recoñecidos polo propio Luisito en sala de prensa.
Por iso, para chegar nas mellores condicións competitivas á fase definitiva da competición, os granates deberán espremerse nas últimas xornadas, nas que o calendario se perfila máis como un aliado que como un problema.
Neses seis encontros o Pontevedra enfrontarase a terceiro, cuarto, quinto, sexto e oitavo clasificado, equipos que tamén aspiran a meterse no play-off de ascenso e que servirán de proba de nivel para o conxunto de Pasarón.
A recta final se inicirá o próximo domingo cun esixente duelo de rivalidade ante o Arosa (6º) na Lomba, a partir das 17:30 horas. Tras ese partido visitará a cidade de Lérez o Choco (5º), xogarase a domicilio ante o Rápido de Bouzas (4º), na casa ante As Pontes (13º) e fórra ante o Alondras (8º) antes de pechar a liga en Pasarón contra o que foi o gran rival durante boa parte da tempada, o Cerceda (3º).
BRUNO RIVADA, BAIXA ANTE O AROSA
Á espera de saber se Capi pode entrar xa na convocatoria, o Pontevedra perderá con total seguridade para o duelo na Lomba a Bruno Rivada, despois do choque que o central sufriu co seu compañeiro Campillo ante o Barbadás.
Campillo tivo que recibir varios puntos de sutura na súa cabeza, pero o peor parado foi Bruno, que sofre un fractura nos ósos do nariz. Nos próximos días decidirase se é necesario que pase polo quirófano, o que o afastaría varias semanas dos terreos de xogo.