Derbi clave para o Arxil ante o Celta para entrar na fase de ascenso
Por Redacción
Partido crave para o Club Baloncesto Arxil na súa loita por entrar no play-off de ascenso a Liga Feminina.
Tras o seu triunfo reparador da pasada fin de semana, o conxunto verde afronta un novo derbi provincial coa visita do Celta Selmark ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (Sábado 19:30 horas).
O equipo olívico chega á cidade de Lérez con máis urxencias tras o seu tropezo da pasada xornada na casa ante o potente Bizkaia. De feito unha derrota descartaríaos da loita pola cuarta praza, lugar que defende o Arxil cunha vitoria de vantaxe sobre Aros León.
Importante será para as pontevedresas que funcione a súa conexión no xogo interior, cunha Maimouna Diarrá que volveu entrar esta semana no cinco ideal do Grupo A da Liga Feminina 2 grazas aos 24 puntos e 14 rebotes que sumou ante o Pabellón Ourense.