Dez minutos abondan ao Teucro para dar conta dun frouxo Barakaldo (32-20) nun partido cómodo
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Vinte minutos aguantou o Barakaldo. Máis ou menos o que tardou o Teucro en axustar a súa defensa e empezar a circular o balón con fluidez e velocidade en ataque. Se ademais un porteiro, o local, achega o seu en paradas, e o outro, o visitante, case se limita a recoller o balón do interior da súa portaría, a consecuencia lóxica é unha apisoante vitoria, que puido ser maior se na segunda metade os de Quique Domínguez mantivesen o nivel de intensidade exhibido nos últimos dez minutos do primeiro tempo.
Porque ese foi exactamente o tempo que necesito o Teucro para sentenciar o partido. Dez minutos de inspiración para pasar dun apertado 10-8, a un contundente 17-8 (parcial de 7-0) para pechar un primeiro tempo no que a saída á pista de David Chapela, na dirección do equipo, rematou coas escasas esperanzas dun Barakaldo que xustificou a abismal diferenza existente na clasificación entre ambos os dous equipos.
A segunda parte sobrou por completo. Foi un completo "correcalles" sen maior interese que accións illadas, permitindo á afección contemplar sen sobresaltos como o marcador crecía camiño dunha das vitorias máis cómodas do campionato para o Teucro.
Co partido resolto, os xogadores teucristas ocupáronse máis do lucimento en accións individuais, que do xogo colectivo. Iso foi o que salvou (é un dicir) ao conxunto vasco dun correctivo máis severo.
Destacar, iso si, actuacións individuais, como a de Iago Gómez, que defendeu a portaría en toda a segunda parte cunha excelente achega, a pesar de coincidir coa fase de menor rigor defensivo dos seus compañeiros.
Con todo resolto e máis erros que acertos, o Barakaldo evitou un marcador que puido ser de escándalo, mentres Quique Domínguez aproveitaba para dodificar os seus xogadores máis castigados e dar minutos aos menos habituais.
SD TEUCRO (32): Ricardo Amérigo; García Pichel (4), Adrián Pumar (5), Marcos Dorado Víctor Rodríguez (3), Borja Pedreira (3), Edu Moledo (7) -sete inicial-, Iago Gómez (p.s.), Carlos Pombo (1), David Chapela (3), Iván Fernández, Gonzalo Carró (2), Carlos García (2, de penalti), Dani Hernández (2) e José Carlos Ameijeiras.
BM BARAKALDO (20): Gontzal Aurrekoetxea; Asier Nieto, Íker Momeñe (4, de penalti), Arkaitz Moreno (3), Arkaitz Piriz (3), Oier García (3), Jon Ortuondo (3) -sete inicial-, Jon Urretxa (p.s.), Borja Lucas (1), Endika Martínez, Endika Sarasola, Xabier Bordegaray (1), Josu Valderrama e Sergio Fernández (2).
Árbitros: Francisco Molina Baena e José Molina Baena (Andalucía). Excluíron por dous minutos a Marcos Dorado (2), Borja Pedreira (2), Edu Moledo, Adrián Pumar e Carlos Pombo (2), polo Teucro, e a Asier Nieto, Borja Lucas, Arkaitz Piriz e Xabier Bordegaray (2), polo Barakaldo.
Marcador (cada cinco minutos): 2-3, 4-4, 6-5, 10-8, 14-8, 17-8 (descanso), 21-10, 24-12, 26-14, 27-17, 28-19 e 32-20 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.100 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro resolve na segunda parte (26-34) ante BM La Roca, ampliando distancia co Go Fit
Por Redacción |
-
O Teucro visita a cancha de La Roca cun só pensamento: "No podemos fallar ahora"
Por Diego Espiño |
-
A Selección Arxentina Júnior fíxase no teucrista Gonzalo Carró
Por Redacción |
-
Traballo de despacho no Teucro pensando no posible ascenso a Asobal
Por Diego Espiño |
-
O Teucro fai seu o 'cholismo' e só pensa no Barakaldo
Por Diego Espiño |
-
O traballo defensivo e Ricardo Amérigo permiten ao Teucro superar (27-30) ao BM Nava e á arbitraxe
Por Redacción |