Pablo Carnero afina a súa puntaría no momento clave da tempada
Por Diego Espiño
Unha lesión de pube en verán amenzaba con comprometer a súa tempada, na que estaba chamado a ser un dos referentes do equipo no seu obxectivo de retornar a Segunda División B, pero afortunadamente Pablo Carnero logrou mellorar ata achegarse ás súas mellores cifras goleadoras.
Os problemas físicos apartárono dos terreos de xogo nos primeiros catro partidos de liga. Debutou na quinta xornada en Ribadumia e fíxoo do mellor xeito posible, marcando. Sen embargo o dianteiro non encontrou na primeira metade de competición a regularidade que se esperaba.
Co paso das semanas o futbolista granate foi progresando en paralelo ao equipo para chegar ao tramo final de competición, o decisivo, no seu mellor momento.
Carnero encadea actualmente cinco xornadas consecutivas marcando (Ribadumia, Sanxenxo, Villalbés, Silva e Cultural Areas), con goles decisivos para consolidar o liderado do equipo e que lle serven ademais para achegarse aos seus mellores datos.
O futbolista vigués suma no que vai de liga 14 tantos, preto dos 18 da pasada tempada (o seu mellor ano), con 17 dianas en liga regular e unha máis lograda ante o Portugalete na primeira rolda do play-off de ascenso.
De seguir esta progresión Pablo Carnero podería superar con folgura a barreira do pasado curso, o que supoñería un bo indicio para as dez xornadas de liga regular que restan e a vital fase de ascenso.
AUTOCAR DE AFECCIONADOS A BOIRO
O Pontevedra anunciou a posta en marcha dunha viaxe organizada para os seus afeccionados de cara ao encontro do próximo domigo 15 de marzo no estadio da Barraña de Boiro (17:00 horas).
O custo deste será de 7 euros por persoa, ao que haberá que sumar os 10 euros fixados para a entrada ao choque para os maiores de 16 anos nun partido declarado polo Boiro como día do club.
O autocar partirá dende o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ás 15:00 horas para regresar á conclusión do choque.
Os interesados poden reservar a súa praza nas oficinas do club, no Estadio Municipal de Pasarón, de 9:00 a 14:00 e a de 16:00 a 19:00 horas ata mediodía do venres.
No plano deportivo será baixa segura para o partido Kevin Presa por sanción, mentres Capi e Pedro García seguen recuperándose dos seus problemas musculares.
Relacionadas:
-
O Pontevedra deixa escapar a sentenza ligueira estrelándose contra a madeira e o Boiro (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Boiro e Pontevedra, a cara de can en Barraña
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra fixa a súa Xunta Xeral de Accionistas para o luns 20 de abril
Por Redacción |
-
Cómoda vitoria do Pontevedra (3-0) fronte un Cultural Areas sen mordente
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |