Pontevedra e Villalonga propoñen finalmente o 16 de xaneiro para xogar o seu partido suspendido
Por Ramiro Espiño
Despois do principio de acordo das directivas de ambos os dous clubs para xogar o 30 de decembro o partido entre Pontevedra e Villalonga, o malestar expresado por moitos dos xogadores dun e outro bando ante o feito de quedarse sen a tradicional semana de vacacións do Nadal, levou aos representantes dos dous equipos a buscar nova data para xogar o partido.
Agora barállase como data máis probable o mércores, 16 de xaneiro, que finalmente é a data que foi consensuada e propuxeron á Xuíza única da Federación Galega as dúas entidades, ao límite do prazo do que dispoñían e que expiraba a tarde do mércores.
Así pois, a expensas da decisión da Xuíza, que polas consultas previas realizadas debese ser autorizar a proposta, o partido disputarase en Pasarón o citado mércores, 16 de xaneiro, a partir das 21.00 horas.
En principio preferíase xogar nunha data festiva, pero ao non haber ningunha dispoñible salvo o inicialmente pactado día 30, non queda máis remedio que xogar entre semana. A outra dificultade radicaba na finalización da primeira volta o 6 de xaneiro, o que limitaba as opcións, non obstante este obstáculo parece que podería ser superable e a Federación Galega daría a súa conformidade para que o partido se xogue o día acordado por ambos os dous clubs.