Lúa Piñeiro, Katya Calvar e Xián Silva, medallistas no Campionato de España Sénior de taekwondo
Por Redacción
Galicia volve do Campionato de España Senior de taekwondo, na modalidade de combate, con oito medallas ao pescozo, tres delas para a caldense Lúa Piñeiro, a marinense Katya Calvar e o pontevedrés Xián Silva.
Piñeiro (Natural Sport) e Calvar (Mat's) plantáronse na final da categoría de -67 quilos tras protagonizar un notable torneo. Xa no combate final, Lúa acabou impoñéndose no punto de ouro despois de que se chegase ao final con empate a tres proclamándose campioa de España, mentres Katya tívose que conformar coa medalla de prata.
A terceira medalla para deportistas da comarca foi para Xián Silva (Mace Sport) cun bronce en 74 quilos.
Silva caeu na semifinal por 5-1 ante o que despois resultou gañador, o tamén galego José Fernández (Natural Sport).
Completaron o medalleiro galego as pratas de Sabela López e Adrián Jiménez e os bronces de Fernando Rascado e Francisco Padín, ademais do segundo posto da selección nas tres clasificacións: masculina, feminina e xeral.