Rubén Lobato chega ao Pontevedra en calidade de cedido: "No vengo a un club cualquiera"
Por Diego Espiño
A nova incorporación do Pontevedra para o lateral zurdo, Rubén Lobato, presentouse este xoves de xeito oficial despois de adestrar o mércores ás ordes de Luisito.
O futbolista madrileño chega ao club lerezano cedido ata final de tempada polo Atlético de Madrid, onde militaba no seu segundo filial, e faino "con ganas de empezar y de ganarme un puesto".
Lobato é conciente de que "no vengo a un club cualquiera", aínda que recoñeceu que non coñecía demasiado do seu novo equipo ata que "mis padres y mi representante me dijeron que era un club histórico, que estuvo en Primera y Segunda División, con un estadio espectacular", declarou ante os medios de comunicación.
Tras xogar titular co Atlético de Madrid C os primeiros dez partidos de liga, Lobato deixou de ter minutos na Terceira División madrileña, polo que se mostrou "encantado" co interese do Pontevedra, no que espera aos seus 20 anos "crecer como futbolista".
O acordo fraguouse tras o consentimento do director da canteira atlética, Carlos Aguilera, e o presidente Enrique Cerezo, custeando o club lerezano "menos del 50% " da ficha do xogador mientres dure o préstamo, segundo explicou a presidenta granate Lupe Murillo.
No deportivo Rubén Lobato asegurou tras o seu primeiro contacto cos seus compañeiros e con Luisito que lle impresionou o "ritmo alto" dos adestramentos, nos que "el entrenador no deja que se relaje nadie".
Tras esta chegada os responsables do Pontevedra traballan na incorporación dun centrocampista organizador, fichaxe que esperan pechar a próxima semana, segundo o declarado en rolda de prensa.