Os erros defensivos condenan o Pontevedra B (2-3) ante o Gondomar
Por Ramiro Espiño
Un tempo para cada equipo pero vitoria para un Gondomar que foi moi superior na primeira parte, aproveitando os graves erros defensivos do conxunto local para obter unha cómoda renda, pero desapareceu na segunda e a punto estivo de deixar escapar algún dos puntos en disputa ás mans dun Pontevedra B que non se rendeu, pero que acusou a falta de efectivos nas súas filas, tendo que recorrer a xuvenís de primeiro ano para completar o equipo.
Os visitantes causaron boa impresión nos primeiros 45 minutos, nos que dominaron e dispuxeron dun par de excelente ocasións abortadas por senllas intervencións afortunadas de Adrián, que non obstante cometería un grave erro a liña seguida nun disparo de Maikel dende a frontal, sen maior perigo, que lle escapa entre as mans rematando no fondo da portaría.
Logo sería a defensa granate a que cometería graves despistes de marcaxe en dúas xogadas a balón parado, aproveitadas ambas as dúas por Nico para abrir oco no marcador.
Non obstante, o que ía camiño da goleada rematou nunha apurada vitoria, xa que na segunda metade o Pontevedra B mellorou na mesma medida que o Gondomar desapareceu. Diego recortaba distancia cunha excelente cabezada ao pouco de continuarse o partido e Agus abría a porta á esperanza.
Cos visitantes encerrados, na última xogada do partido reclamouse penalti na área do Gondomar, por mans dun defensor que o colexiado non sancionou.
PONTEVEDRA B (2): Adrián; Otero, Vilela, Hugo, Adán, Teije (Moncho, min. 62), Agus, Piñeiro (Xurxo, min. 46), Andrés (Teti, min. 46), Brais (Pacheco, min. 56) e Diego.
GONDOMAR (3): Isma; Costas (Javi, min. 76), Borja, Baños, Ferro, Maikel, Víctor (Mario, min. 62), Agujetas, Nico, Manu Hermida (Cantero, min. 90) e Diego Martínez (Álex Rey, min. 85).
Árbitro: Marco Gil Soriano (A Coruña), auxiliado nas bandas por Pablo Miguel Patricio Blanco e Gonzalo Trigo Martínez. Amoestou aos locais Hugo e Andrés.
Goles: (0-1) Minuto 14: Maikel. (0-2) Minuto 24: Nico. (0-3) Minuto 33: Nico. (1-3) Minuto 48: Diego. (2-3) Minuto 72: Agus.
Incidencias: Sintético da Xunqueira I (Pontevedra). Uns 150 espectadores.