A divertida cea de Nadal do Pontevedra CF
Por Ramiro Espiño
Nadal. Tempo de reunións familiares, pero tamén de comidas e ceas de empresa. O Pontevedra CF non podía ser unha excepción e os xogadores do primeiro equipo, corpo técnico, membros do Consello de Administración e auxiliares gozaron o xoves, día 18, dunha animada cea na que por riba de todo primou o bo humor.
O lugar elixido foi o Hotel Campaniola, en Campañó. Quedaba un partido, o do Alondras, para pechar o ano e polo resultado conseguido posteriormente, a cea foi algo así como a celebración anticipada do campionato de inverno, un fito que facía moitos anos non conseguían os granates.
Iso si, como ás portas estaba o partido do domingo, Luisito non consentiu excesos co menú, que non é que fose espartano, pero si que tivo un compoñente deportivo, cos tradicionais hidratos de carbono en forma de arroz, para non prexudicar a dieta dos deportistas.
E aquí é onde empeza a diversión, o "bo rollo", e a ironía da que fan gala moitos dos xogadores, dentro do bo ambiente que reina no vestiario. Segundo trascendeu, algúns dos participantes na cea deberon pensar que ao menú lle faltaba algo e recorreron a unha solución rápida e convencional: chamar a Telepizza e pedir que lles fixesen chegar tres pizzas familiares, encargo que fixeron a nome de Tomás Abelleira, sen que se puidese demostrar que fose o novo xogador quen realmente o fixese.
Foi chegar o repartidor e lanzarse a maioría a devorar a súa correspondente porción. En cuestión de segundos non quedaron nin os miolos.
Logo foi a quenda dos regalos en forma de "amigo invisible". A maioría levaban implícita a ironía cara ao adestrador, que os ten a unha ríxida dieta alimenticia, e moitos dos xogadores recibiron o seu regalo en forma de diferentes produtos comestibles.
Pero houbo para todos. Así, a título de exemplo, o xogador do filial, Agus, que alterna co primeiro equipo, recibiu uns vasos dos que os mozos utilizan habitualmente nos "botellones", ademais dun espello pola súa afección a colocarse diante del para arranxarse o peiteado.
E de xuvenil a veterano. Para Jacobo houbo regalo consistente nunha tapa de WC coa súa correspondente tapa protectora, ao parecer polos seus escrúpulos a utilizar os aseos en Pasarón. Xunto a iso un bastón e unha boina, polo apelativo cariñoso de "avó".
De todos é sabido que unha das calidades de Pedro García é a súa loita e intensidade na disputa. A consecuencia foi recibir como obsequio unha espada de gladiador.
Volvendo a Tomas Abelleira, o xogador é un apaixonado da Coca-Cola, bebida que ten prohibida polo seu alto contido en azucre. Pois os seus compañeiros fixérono sufrir regalándolle un gran bote da devandita bebida.
Tampouco se libraron os bos de Rafa Vidal e Tomé, os responsables do material e mantemento de Pasarón. Recibiron como regalos senllas bufandas, como queixa polo frío que segundo os xogadores lles fan pasar coa baixa temperatura da auga para as duchas do estadio.
Pero do "amigo invisible" tampouco se libraron os membros do Consello de Administración, coa súa presidenta, Lupe Murillo á cabeza, que foi obsequiada cun tanga vermello e unha diadema con cornos e lazo, que Lupe, con bo humor, non dubidou en colocarse para alborozo de todo o grupo.
Outra das "vítimas" no seo do Consello foi o responsable da área deportiva, Roberto Feáns, que se viu sorprendido cunha correa e un colar.
Para rematar a reunión, a preocupación de Luisito é que o persoal se recollese como máis tardar á 1:30 horas, que o domingo había partido. Non consta se o conseguiu, polo menos o que non se sabe é que o lograse en todos os casos.
Relacionadas:
-
A defensa, principal preocupación de Luisito ante o Cerceda
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra despide o ano traballando no Carrasco
Por Ramiro Espiño |
-
A falta de campo para adestrar en fin de ano condiciona a primeira semana de traballo do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pablo Carnero vístese de Papá Noel para dar a vitoria e o campionato de inverno (2-1) ao Pontevedra
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra recibe a un complicado Alondras coa mirada posta no campionato de inverno
Por Ramiro Espiño |