Lúa Piñeiro conquista en Turquía un novo bronce internacional, o terceiro en apenas oito días
Por Redacción
Novo éxito internacional da taekwondista Lúa Piñeiro. A de Caldas, deportista do Natural Sport Riveira, logrou a medalla de bronce -a terceira que acada esta semana- no Open de Turquía que se celebrou esta fin de semana na localidade de Antalaya.
Competindo na categoría de -67 quilogramos, Lúa Piñeiro comezou a competición nos dezaseisavos de final contra a turca Guldane Beyza Erel, á que superou sen excesivos problemas (3-0). Nos cuartos viuse cara a cara fronte a outra turca, Kübra Kiyi e volveu a gañar (1-0).
Así garantía unha medalla e nas semifinais tocoulle unha durísima rival, a crota Anic Franka, que foi terceira no último campionato do mundo. Lúa fixo un grandísimo traballo e deu a cara ata o último segundo, no que Franka logrou conectar un golpe que lle deu a vitoria (1-0) e o pase a final.
A caldense colgouse así o bronce, que se suma aos acadados por ela en París e no Europeo de clubs. Logra ademais máis puntos para o ranking mundial xa que o de Turquía é un torneo do grupo 1 e por tanto puntuable para a clasificación anual deste deporte.