Milo Abelleira toma o mando ata que chegue o novo adestrador
Por Diego Espiño
O actual coordinador das categorías inferiores do Pontevedra Club de Fútbol, Milo Abelleira, foi o encargado de dirixir a primeira sesión de traballo do primeiro plantel trala destitución de Manu Fernández.
Milo asume o mando de xeito interino ata a chegada do novo adestrador, unha chegada na que traballa o club pero que se podería demorar ata a próxima semana, en función das palabras desprendidas polo responsable da comisión deportiva do Consello de Administración, Roberto Feáns, e a presidenta, Lupe Murillo, presentes ambos no adestramento celebrado no campo da Xunqueira I xunto co tamén conselleiro Manuel Ruibal.
Murillo e Feáns aseguran que tomarán a decisión sen precipitarse, e nese escenario non se descarta que Abelleira poida sentar no banco no choque do próximo domingo (17:30 horas) a domicilio ante o Cultural Areas.
Os responsables do Consello charlaron brevemente co plantel antes da sesión, que presenciaron aproximadamente 20 minutos para abandonar despois A Xunqueira.
A chegada do novo técnico depende en primeira instancia de pactar a rescisión con Manu Fernández, pero tralo segundo encontro co preparador segue sen haber acordo sobre o seu finiquito.
Manu acudiu por segundo día consecutivo ás oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, onde se reuniu cos conselleiros Enrique Mariño e Pablo Galván, cos que se citou de novo para este mércores.
FRAN FANDIÿO E DAVID FEITO, LESIONADOS
No primeiro día de traballo da semana estaban ausentes dous futbolistas do primeiro equipo, Fran Fandiño e David Feito, aínda que ambos acudiron ao campo para tratarse co fisioterapeuta do club.
O caso Fandiño é o que máis preocupa. O centrocampista retirouse lesionado o pasado domingo tras un mal xesto. A primeira exploración apunta a un posible escordadura de xeonllo, aínda que nos próximos días se someterá a unha resonancia magnética para descartar unha doenza de maior gravidade.
Pola súa banda Feito, que tamén tivo que ser cambiado ante o Silva, sofre unha sobrecarga nos isquiotibiais, o que lle converte en seria dúbida para o choque en Ponteareas. A súa evolución os próximo días marcará a súa disponibilidade.
O terceiro dos lesionados é Tubo, que se adestra xa co grupo tras infiltrarse en dúas ocasións para intentar solucionar os problemas que sofre por mor dunha hernia discal. O xogador aínda ten molestias e en caso de non superalas nos próximos días podería decidir pasar polo quirófano.
Relacionadas:
-
Luisito, confirmado como novo adestrador do Pontevedra
Por Redacción |
-
Acordo con Manu Fernández para a rescisión do seu contrato
Por Diego Espiño |
-
Primeiro achegamento entre Pontevedra e Manu Fernández para tratar a súa rescisión
Por Diego Espiño |
-
Manu Fernández cesado como adestrador do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Demostración de impotencia e falta de ideas dun Pontevedra que toca fondo (0-0) ante o Silva
Por Ramiro Espiño |