Mareantes e Pontevedra Rugby Club prepáranse para a súa estrea ligueira
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Rematouse a pretempada para Pontevedra Rugby Club e Mareantes, que afrontan dende este fin de semana a liga de Primeira División Galega coa ilusión de realizar un bo papel.
O Pontevedra RC aspira, cun equipo marcado pola xuventude, a seguir crecendo tras a súa primeira participación a pasada campaña no play-off polo título, despois do seu cuarto posto na liga regular.
O conxunto lerezano terá que afrontar un esixente compromiso a domicilio ante o actual campión da categoría, Os Ingleses de Vilagarcía. O encontro xogarase no campo de Fontecarmoa o sábado 11 ás 17:00 horas.
Pola súa banda o Mareantes, finalista a pasada campaña, afronta o difícil reto de loitar por terceiro ano consecutivo polo título. O seu camiño iníciase na casa, no campo de Monte Porreiro, este sábado (16:15 horas) ante o Universidade de Vigo B.
Tamén se estrea o equipo feminino do Mareantes, despois de varios anos de ausencia. As rapazas afrontarán o seu primeiro partido oficial ante o CRAT Coruña. Farano na casa o domingo ás 13:00 horas.