Pontevedra Rugby Club e Mareantes coñecen o seu calendario na Primeira División Galega
Por Redacción
A Federación Galega de Rugby publicou o calendario da Primeira División Autonómica, na que competirán un ano máis o Mareantes Rugby Club Pontevedra e o Pontevedra Rugby Club, ademais de Os Ingleses de Vilagarcía.
Os sete equipos participantes arrancarán a competición a fin de semana do 11 e 12 de outubro, cunha liga regular que se prolongará ata o 21/22 de febreiro.
Os catro primeiros clasificados pelexarán polo título nun play-off con semifinais e final a partido único, mentres o sexto clasificado afrontará unha fase de permanencia ante o subcampión da segunda categoría territorial.
Pola súa banda o sétimo da táboa a final da liga regular descenderá de xeito directo.
A liga empezará co actual campión galego, Os Ingleses de Vilagarcía, recibindo no seu campo de Fontecarmoa ao Pontevedra Rugby Club, mentres o Mareantes se estreará na casa recibindo o Club Rugby Ferrol.
Os derbis locais entre os equipos pontevedreses disputaranse na terceira xornada (25 ou 26 de outubro) e a décima (17 ou 18 de xaneiro).
O calendario completo pode consultarse na páxina web da Federación Galega de Rugby.