As pistas de atletismo do CGTD serán renovadas, empezando pola zona de salto e lanzamento
Por Redacción
As pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra van a ser renovadas. A Secretaría Xeral para o Deporte publicou no Diario Oficial de Galicia a contratación da primeira fase destas obras, que se acometerá nas zonas de salto e lanzamento. Teñen un período de execución de tres semanas e, posteriormente, afrontarase a mellora da zona de carreiras.
En concreto, investiranse nestes traballos 225.060 euros. A empresa que realizará estes traballos é Soldene S.A.
Estas obras, destaca o goberno galego, son unha actuación máis das enmarcadas no ámbito do funcionamento do centro que, en cómputo anual e de forma directa, supón un investimento total para o departamento de deportes da Xunta de Galicia de 1.800.000 euros. Esta cantidade súmase aos 456.477 euros destinados, vía convenio de colaboración, ás federacións deportivas con deportistas no centro para os seus programas de tecnificación.
O centro, que no 2012 celebrou ou seu 25 aniversario, é a referencia do deporte de alto nivel de Galicia. Polas súas instalacións pasaron unha vintena de olímpicos e paralímpicos galegos. Atópase, segundo a Xunta, nun momento de expansión en canto a deportistas bolseiros, así como tamén en continua adaptación ao alto nivel competitivo do deporte autonómico.
Desta forma, e neste curso 2014/2015 que se ven de inaugurar, o CGTD contará, fronte aos 145 da pasada tempada, con 150 deportistas, entre eles Javier Gómez Noya, Teresa Portela ou María Vilas. Destaca a incorporación dunha nova modalidade, o bádminton, que pasa a formar parte dos deportes do centro xunto ao atletismo, o judo, a loita, a natación, o piragüismo, o slálom, o remo, o taekwondo e o tríatlon.
Nestas modalidades, o atletismo ocupa o quinto lugar en número de bolseiros, cun total de 15 deportistas fronte aos 27 de piragüismo, 25 de tríatlon, 18 de taekwondo, 16 de loita, 14 de bádminton e de natación, 12 de judo, 5 de slálom e 4 de remo. Todos eles atópanse en distintos réximes de utilización das instalacións, que van dende residente a externo, e encadrándose en grupos de tecnificación ou grupos de rendemento.
Xunto a esta utilización das instalacións do CTGD polos deportistas de tecnificación e de rendemento de Galicia, o centro cumpre tamén un destacado papel de servizo ao tecido deportivo e asociativo da cidade de Pontevedra: clubs, centros socio-comunitarios e escolas deportivas municipais, utilizan gratuitamente as súas instalacións, en horario de 8 da mañá a 23.30 horas. Por esta vía, alcánzase unha media de 500 usuarios diarios.
Relacionadas:
-
A Xunta compromete medio millón de euros para unha "reforma integral" das pistas de atletismo do CGTD
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Bea Gómez, María Vilas e Manuel Dávila estrean o grupo de alto rendemento en natación do CGTD
Por Diego Espiño |
-
25 anos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Por Diego Espiño |