A Escusa prepárase para a décimo quinta edición da súa subida automobilística
Por Diego Espiño
Co recordo de Carlos Couto presente na mente de todos, os motores prepáranse para ruxir de novo na décimo quinta edición da Subida á Escusa.
A organización, a cargo do equipo Buxa Motor, renderá homenaxe a Couto, piloto falecido durante a pasada edición a causa dun infarto. Farao retirando o número 12 da competición e usando a súa imaxe no cartel oficial da proba.
A Subida á Escusa celebrarase co seu percorrido habitual durante o sábado 20 de setembro e domingo 21, quedando instalado o parque pechado na zona da Seca.
Con catro mangas oficiais, dous por día, a competición arrancará ás 15:30 horas do sábado cos primeiros adestramentos, que predecerán ás dúas primeiras mangas.
Para a mañá do domingo, dende as 9:30 horas, quedarán os segundos adestramentos e as dúas definitivas mangas da carreira.
Con preto de 40 coches inscritos, a proba é a penúltima cita puntuable do Campionato Galego de Montaña, que conta con varios aspirantes ao triunfo final, como un Toño Varela que na presentación da carreira recoñeceu que "a todos los pilotos nos gusta correr aquí porque es un recorrido muy bonito, rápido y selectivo".
A Subida á Escusa tamén destaca pola perigosidade dalgún dos seus tramos, motivo polo que Noemí Blas, presidenta da escudería Buxa solicitou a colaboración dos afeccionados ao motor e que estes "se poñan en sitios altos e respecten a cinta que marca os lugares perigosos ou os prohibidos para o público".
Se o líder do Campionato Galego de Montaña, Jacobo Sobral, conclúe en primeiro ou segundo lugar asegurarase o triunfo no campionato.