Presentación do Pontevedra 2014/2015 na Ferrería
Por Redacción
A Praza da Ferrería foi escenario na tarde deste venres da presentación oficial do Pontevedra Club de Fútbol, a poucas horas do primeiro partido como local da tempada ante o Bergantiños o domingo 31 ás 17:00 horas en Pasarón.
Nun acto que estivo precedido por unha breve actuación do grupo Quatro D Abril, os xogadores do primeiro plantel e corpo técnico foron subindo un a un ao escenario ante a presenza de futbolistas da canteira e afeccionados, antes de posar para a foto de grupo, á que tamén se sumaron os membros do Consello de Administración.
Na presentación tamén se exhibiu un video promocional elaborado para a presente tempada.
CATRO BAIXAS ANTE O BERGANTIÿOS
Manu Fernández contará con catro baixas seguras para o choque do domingo ante o Bergantiños, no que os granates intentarán empezar con bo pé ante os seus seguidores e lograr o seu segundo triunfo consecutivo.
Na convocatoria non estarán Capi, ao que aínda resta un encontro de sanción, e os lesionados Tubo e Carnero, ao que se uniu durante a semana Tomás cunha escordadura no seu nocello.
Espérase que os tres mancados poidan ir incorporándose progresivamente ao grupo e estar a disposición do técnico, como moito, en dúas semanas.