Tres puntos sen alardes (2-0) para o Pontevedra fronte a un tímido Bergantiños
Por Ramiro Espiño
Pouco fútbol pero bo resultado. O Pontevedra tivo máis inimigo na calor que nun rival, o Bergantiños, inofensivo, con pouco perigo nas súas escasas chegadas, que encaixou un gol case antes de saír do vestuario, e rendeuse co segundo, que chegaba nunha acción afortunada dos locais, pasada a hora de xogo.
Cos espectadores tomando asento, o asubío inicial coincidía case co primeiro gol. Os granates poñen o balón en tres cuartos de campo e Jacobo regala un pase do que ulen a rede, elevando o coiro ás costas da defensa. Jorge fai o resto, cunha definición propia dun killer de área. Volea coa dereita, cruzada e abaixo, con violencia, ante a que nada pode facer Crístopher.
Era o comezo soñado fronte a un rival que presumiblemente viría a encerrarse. Poñerse pronto por diante, non obstante, pareceu producir o efecto contrario. O guión previsto non cambiou en absoluto. Os de Javier Oreiro mantivéronse prudentemente atrás, esperando a posibilidade dunha contra, e os granates caeron nunha especie de letargo, xogando con lentitude e sen moitas ideas para levar perigo á área visitante.
O Pontevedra dominaba. A sensación de superioridade local era evidente, pero tamén que o partido non estaba pechado, nin moito menos controlado. Dúas faltas lanzadas por Mouriño, a pé cambiado, que non encontraron portaría por pouco, e un par de accións nas que o porteiro Crístopher se complicou a vida, foron o único sinal de vida ofensiva dos de Manu Fernández, que pola contra deron mostras de debilidade defensiva nun par de ocasións nas que o Bergantiños se achegou á área.
Precisamente nunha delas, minuto 24, Denís vaise de Campillo, pero escápalle lixeiramente o balón e non consegue salvar a saída de Edu, mandando o coiro fóra. Foi o único susto real para a parroquia nun partido amenizado unicamente por erros arbitrais sen maiores consecuencias e en accións intranscendentes.
Pouco, moi pouco para 45 minutos iniciais aburridos, con pouco xogo e menos ocasións de perigo.
Lonxe de mellorar as cousas na reanudación, os granates perderon sitio e ritmo e o Bergantiños aproveitouse diso para estirar liñas e chegar con máis frecuencia pero sen demasiada profundidade.
O Pontevedra incurría en parecidos erros da xornada inaugural: o equipo demasiado longo, pouco control da zona ancha e escasa participación das bandas, nas que nin Anxo nin Centrón aparecían para encarar aos laterales.
Manu Fernández decide mover ficha dando entrada a Fran Fandiño. A súa maior intensidade e unha boa dose de fortuna cambian o signo do partido. Os movementos con e sen balón de Fandiño crearon uns espazos na zaga visitante que antes non existía e unha falta ao bordo do área do Bergantiños terminaría coas esperanzas visitantes.
Jacobo encárgase do lanzamento, minuto 68, o balón dá na barreira e despista a Crístofher, facendo subir o 2-0 ao marcador. Quedaba moito, pero coa tranquilidade dos goles, o Pontevedra sentiuse cómodo e o Bergantiños non tivo capacidade de resposta.
PONTEVEDRA CF (2): Edu (1); Adrián (1), Campillo (2), Pablo (1), David Feito (1); Pedro García (1); Anxo (1), Jacobo (3), Mouriño (2), Centrón (1); e Jorge (3).
Sustituciones: Fran Fandiño (2) por Anxo, minuto 60. Kevin Presa (1) por Jacobo, minuto 72. Benja (1) por Mouriño, minuto 75.
BERGANTIÿOS CF (0): Crístopher (1); Borja Facal (1), Álex Canedo (1), Sergio (1), Becerra (1); Germán (2), David García (1); Moreira (1), Roberto Piñeiro (1), Denís (1); e Astray (1).
Sustituciones: Gonzalo (1) por Sergio, minuto 46. Alexandre (1) por Roberto Piñeiro, minuto 70. Toni (1) por Moreira, minuto 70.
Árbitro: Víctor García Villaverde (Ferrol), auxiliado nas bandas por Rodríguez Dopico e Miño Pico. Amoestou a Campillo, David Feito e Pedro García, polo Pontevedra, e a Sergio, Astray e David García, polo Bergantiños.
Goles: (1-0) Minuto 1: Jorge. (2-0) Minuto 68: Jacobo.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Uns 1.200 espectadores.